Sedes Electrónicas E.E.L.L. da provincia da Coruña

03:59:21 Xoves 21 de novembro 2019
Estás en:

As novas corporacións municipais responden positivamente ás iniciativas para reforzar e impulsar a administración dixital

7/11/19

As 19 charlas sobre a administración electrónica xa celebradas nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia contaron coa participación de 70 concelleiros/as e alcaldes/as. A día de hoxe están convocadas outras 14 sesións.

Cando se cumpre tan só un mes da invitación por parte da Deputación a que os membros das corporacións municipais saídos das eleccións do pasado maio profunden nos seus coñecementos sobre a administración Dixital, as 19 charlas xa celebradas, con 70 concelleiros/as e alcaldes/as participantes, dan fe do interese dos representantes municipais por coñecer a fondo as implicacións do modelo dixital e as ferramentas e procedementos que as sustentan.

En novembro están convocadas outras 14 sesións deste tipo nos concellos da provincia, despois das xa celebradas en Arzúa, A Baña, As Pontes, As Somozas, Brión, Boqueixón, Camariñas, Carral, Cee, Cerceda, Coristanco, Dodro, Lousame, Miño, O Pino, Padrón, Rianxo, Santa Comba e Teo. Desta formación encárgase o equipo de axentes do proxecto PEL-Concello Dixital da Deputación da Coruña que, consciente do papel fundamental que xogan os actores políticos no impulso da administración dixital, puxo en marcha esta iniciativa para axudar a liderar aos equipos de goberno o proceso de transformación que están a vivir as entidades locais. Entre outros temas, nas charlas proporciónase información sobre o contexto normativo da administración dixital e os dereitos da cidadanía, as ferramentas electrónicas e servizos cos que contan nos concellos e os mecanismos de identificación dixital.

O esforzo conxunto de concellos e Deputación está a lograr que a provincia da Coruña se sitúe á vangarda no emprego e implantación de solucións dixitais de maneira que, a día de hoxe:

• O 40% dos rexistros realizados son xa telemáticos: entran polo SIR, o Sistema de Interconexión de Rexistros das administracións públicas, ou a través das sedes electrónicas das diferentes entidades.

• O número de sinaturas electrónicas anuais ronda o millón, con case 5.000 sinaturas electrónicas diarias.

• Máis de 750.000 expedientes están en tramitación.

• Neste ano 2019, estanse xestionando máis dun millón de documentos dixitais; deles, 750.000 están asinados electronicamente.

A Deputación invita aos membros das corporacións municipais a que continúen sumándose a esta iniciativa para seguir acelerando a implantación da e-administración na provincia.

Volver

Caixa de suxestións

Contamos coa súa opinión para ofrecer cada día un mellor servizo.

Contacto

Deputación A Coruña
Avenida Porto da Coruña, 2
15006 A Coruña
Tel 981 080 300
sedeconcellos.soporte@dacoruna.gal