Actualmente, está a realizarse unha implantación progresiva do catálogo de procedementos da plataforma de tramitación electrónica TEDeC para adecualo ás necesidades específicas de cada entidade.
Os Consorcios e Mancomunidades da provincia, así como o Auditorio de Galicia, están a recibir actualmente unha actualización das súas plataformas, despregada progresivamente polos equipos da área de Implantación do proxecto Concello Dixital, impulsado pola Deputación da Coruña.
Os despregamentos comezaron a comezos do mes de outubro, tras a análise das necesidades específicas de tramitación que os responsables das distintas entidades expuxeron nunha reunión telemática celebrada no mes de xullo. A análise consistiu na revisión completa de toda a tramitación electrónica realizada por estas entidades durante os últimos anos, así como dos procesos utilizados.
A folla de ruta contempla a actualización e configuración das plataformas, un plan de implantación e transformación específico e personalizado para cada entidade, e un acompañamento continuo ao persoal. Para iso deseñáronse sesións de formación presencial e telemática.
Ademais da implantación de novos procedementos electrónicos, tamén se abordará con estas entidades da provincia a posta en marcha de novas funcionalidades, así como integracións entre plataformas de diferentes administracións. Este proceso virá acompañado de procesos de transformación sinxelos, que simplificarán e mellorarán fluxos de traballo.
O actual proceso ten como obxectivo a consolidación da dixitalización nestas entidades da provincia.
Deputación A Coruña
Avenida Porto da Coruña, 2
15006 A Coruña
Tel 981 080 300
sedeconcellos.soporte@dacoruna.gal