05:15:47 Mércores 16 de outubro 2024
Estás en:

O proceso de transformación dixital executado en Irixoa consolida o uso da Administración Electrónica e reforza a súa relación coa cidadanía

19/07/22

O esforzo e total disposición das empregadas e empregados públicos foron as claves do éxito da implantación do Concello Dixital en Irixoa.

Concello Dixital - Deputación da Coruña

O Concello de Irixoa súmase con éxito, por méritos propios e co apoio do equipo Concello Dixital da Deputación da Coruña, ao grupo de entidades locais da provincia que acadan a plena dixitalización dos seus procesos administrativos. Así o confirma o informe final que a Deputación coruñesa ven de presentar, tras o remate formal hai un mes do proxecto piloto executado no concello.

O proceso de transformación levado a cabo en Irixoa amosa melloras no uso da plataforma de tramitación electrónica TEDeC: incrementouse o número de módulos utilizados polo persoal do Concello e activáronse novos procedementos tras a necesidade detectada nas tomas de requisitos previas. Por outra banda, os tempos de resolución melloraron significativamente trala implantación.

Así mesmo, o informe revela unha notable mellora no grao de satisfacción da cidadanía, aínda que se identifica a necesidade de impulsar accións formativas para potenciar o uso da súa Sede electrónica. Neste senso, a Deputación coruñesa pon ao dispor dos concellos unha unidade didáctica sobre o uso das sedes electrónicas locais. 

O documento destaca tamén o esforzo realizado polo persoal do concello, actores necesarios para acadar unha  transición áxil e e con resultados óptimos. Foron meses de evolución continua da plataforma de tramitación TEDeC que puxeron a proba a vontade e capacidade de aprendizaxe e adaptación ao cambio das empregadas e empregados do municipio coruñés. A súa total disposición e implicación permitiu a consecución de todos os obxectivos .

Concello Dixital dá continuidade á aposta iniciada hai anos pola Deputación coruñesa para dotar aos seus concellos da tecnoloxía e o coñecemento necesarios para a súa plena dixitalización. Os excelentes resultados obtidos no Concello de Irixoa poñen de manifesto o éxito do proxecto e a necesidade de seguir avanzando coas entidades locais da provincia no despregamento pleno da Administración Electrónica.

Concello Dixital - Transformación Irixoa
Volver

Caixa de suxestións

Contamos coa súa opinión para ofrecer cada día un mellor servizo.

Contacto

Deputación A Coruña
Avenida Porto da Coruña, 2
15006 A Coruña
Tel 981 080 300
sedeconcellos.soporte@dacoruna.gal