04:37:56 Sábado 27 de xullo 2024
Estás en:

O Concello de Curtis consolida o seu proceso de transformación dixital

9/06/22

A boa disposición e implicación de todo o persoal permitiu a consecución de todos os obxectivos previstos nas actuacións propostas.

Concello Dixital - Deputación da Coruña

Concello Dixital, o proxecto de transformación dixital impulsado pola Deputación da Coruña para as entidades locais segue cumprindo os obxectivos trazados na súa axenda. O Concello de Curtis, o primeiro da provincia en acoller a fase piloto do proxecto, presentaba a mediados do mes de febreiro os seus resultados, que arroxaron un alto grao de cumprimento na execución de todas as propostas. Non en balde, Curtis dispón xa de Oficina Cl@ve, aberta tras a finalización do seu plan.

O informe final destaca tamén o esforzo realizado polos empregados públicos do concello, sen os cales non sería posible esta transición áxil e con óptimos resultados. Foron meses de evolución continua da plataforma de tramitación TEDeC, que puxeron a proba a vontade e capacidade de aprendizaxe e adaptación ao cambio do persoal do municipio coruñés. A boa disposición e implicación de todo o persoal permitiu a consecución de todos os obxectivos previstos nas actuacións propostas.

Os indicadores derivados de tres meses de seguimento tras a finalización do piloto confirman a tendencia positiva. Así, o nivel de satisfacción das veciñas e veciños do concello coa súa Sede Electrónica é moi alto e aumentou tamén o seu grao de utilización. Estes datos confirman a consolidación da transformación dixital no concello coruñés e os resultados serán transferidos ao proxecto para a súa aplicación noutras entidades participantes.

Concello Dixital dá continuidade á aposta iniciada hai anos pola Deputación coruñesa para dotar aos seus concellos da tecnoloxía e o coñecemento necesarios para a súa plena dixitalización. Os excelentes resultados obtidos no Concello de Curtis poñen de manifesto o éxito do proxecto e a necesidade de seguir avanzando coas entidades locais da provincia no despregamento pleno da Administración Electrónica.

Concello Dixital - Fin Proyecto Transformación Digital Curtis
Volver

Caixa de suxestións

Contamos coa súa opinión para ofrecer cada día un mellor servizo.

Contacto

Deputación A Coruña
Avenida Porto da Coruña, 2
15006 A Coruña
Tel 981 080 300
sedeconcellos.soporte@dacoruna.gal