A experiencia servirá para validar o grao de adecuación da solución tecnolóxica ao funcionamento corporativo actual.
O Concello de Vedra iniciou este luns a fase preliminar do proxecto de transformación dixital das entidades locais da provincia da Coruña, un paso previo na senda ata alcanzar a plena implantación da eAdministración e mellorar así a atención ofrecida á cidadanía. Neste piloto redefiniranse os procesos de traballo do Concello para adaptalos ás novas ferramentas dixitais.
Deste xeito, Vedra sumase como entidade piloto ao Concello de Curtis que foi o primeiro en acoller esta experiencia e onde actualmente se está desenvolvendo con boa acollida e resultados.
Seguindo o protocolo de traballo, realizáronse as entrevistas de toma de requisitos, as análises previas de indicadores e o estudo de situación na práctica totalidade das áreas do Concello. Todo iso servirá para elaborar propostas específicas de mellora e comezar a executalas nesta fase piloto que agora comeza.
No proxecto está implicada a totalidade das empregadas e empregados públicos do Concello, quen estarán acompañados en todo momento por consultores de formación, implantación e transformación. Todos se mostraron desde o principio moi implicados e aliñados co proxecto. Pola súa banda, o alcalde Carlos Martínez destacou que máis do 80% do Concello dispón de fibra, o que facilitará este gran impulso á administración electrónica no municipio.
Deputación A Coruña
Avenida Porto da Coruña, 2
15006 A Coruña
Tel 981 080 300
sedeconcellos.soporte@dacoruna.gal