A través deste proxecto, traballarase durante 3 anos de maneira equilibrada no ámbito tecnolóxico, organizacional e persoal das entidades locais, para que se convertan en entidades dixitais e alcancen así a máxima eficiencia e eficacia, elevando o grao de satisfacción dos seus cidadáns.
Nos últimos anos, a Deputación provincial da Coruña apostou pola dixitalización tanto para o funcionamento interno como para a prestación de servizos á cidadanía. Para isto, puxéronse en marcha numerosas iniciativas de Administración Electrónica na Deputación e nas Entidades Locais ás que esta presta servizo, perseguindo o desenvolvemento dunha Plataforma Tecnolóxica Integral de e-Administración.
Estas iniciativas foron reguladas e planificadas na Axenda Dixital da Provincia, aliñada ás iniciativas de crecemento dixital en Europa, España e Galicia, e que recolle a estratexia tecnolóxica global para A Coruña, na que converxen todas as iniciativas tecnolóxicas accionadas pola Deputación co obxectivo de establecer un proceso de mellora continua na e-Administración local.
Baixo esta óptica, iniciouse un gran proxecto global de transformación dixital nas entidades locais da provincia da Coruña, coa ambición de alcanzar o verdadeiro CONCELLO DIXITAL (Concello vangardista, sostible e eficiente), un modelo de Concello que sexa extensible a todas as entidades locais da provincia.
Para isto, concibiuse un proxecto holístico, no que se continuará traballando en alcanzar a implantación plena de todas as funcionalidades dixitais da Plataforma de Tramitación de Expedientes Electrónicos (TEDeC) e as súas integracións, á vez que se realizan novos desenvolvementos para cumprir coas novas normativas, e para mellorar en axilidade e produtividade, evolucionando tecnolóxicamente a plataforma para que sexa sostible no tempo e non quede obsoleta.
Pero o proxecto será holístico non só desde a perspectiva da evolución tecnolóxica da e-Administración, senón tamén desde a evolución organizativa das entidades locais e da evolución competencial das persoas que as compoñen. Así realizarase un traballo continuo de transformación nos Concellos e Entidades Locais que forman parte do proxecto desde dentro, traballando a cultura organizacional, a xestión do cambio e fomentando o talento dixital.
Este ambicioso proxecto terá unha duración de 3 anos e ten como obxectivo lograr que as 82 Entidades Locais da provincia da Coruña adscritas ao programa se transformen en entidades dixitais, dando resposta a unha serie de retos:
ofrecer total cobertura á administración electrónica, cunha plataforma dixital que sexa o soporte do 100% dos procedementos tramitados e que se adecúe ás necesidades de todas as entidades locais da maneira máis simplificada posible;
que os usuarios das distintas entidades locais coñezan o potencial da plataforma e a utilicen de maneira correcta, asegurando a diminución de erros nas tramitacións e a diminución dos prazos de tramitación, de modo que realicen o seu traballo de maneira óptima e o máis produtiva posible, reducindo prazos e custos;
e aumentar o número de cidadáns que, como eixo e centro dos servizos públicos, se comuniquen satisfactoriamente coas entidades locais da provincia de maneira electrónica e sempre garantindo os seus dereitos e o mellor servizo.
A través desta aposta, A Coruña avanzará no obxectivo da plena implantación da Administración Electrónica na provincia, transformando as súas entidades locais en auténticos Concellos Dixitais, e colocando á provincia nas posicións de liderado da Administración Dixital.
Deputación A Coruña
Avenida Porto da Coruña, 2
15006 A Coruña
Tel 981 080 300
sedeconcellos.soporte@dacoruna.gal