Os axentes dinamizadores do PEL-Concello Dixital adicarán dúas horas da súa presencia nos concellos para asesorar á veciñanza no uso das ferramentas dixitais
O servizo de Informática do órgano provincial propón aos concellos que fixen un horario de información a cidadáns e asociacións, que será atendido por axentes do proxecto PEL-Concello Dixital.
Estes axentes capacitadores, que acoden aos concellos cada dúas semanas para impulsar o uso da administración electrónica, agora póñense tamén a disposición dos concellos para, coincidindo cos seus días de presencia nos mesmos, fixar unha hora de atención ao público en xeral e outra hora para responsables de asociacións.
Responderán así ás dúbidas e necesidades de información sobre o uso das sedes electrónicas dos concellos e, no caso das asociacións, proporcionarán asesoramento para a solicitude de subvencións tanto a través da ferramenta SUBTEL, da Deputación da Coruña, como nas respectivas oficinas electrónicas municipais. Os axentes complementarán así a formación que veñen ofrecendo á veciñanza sobre diferentes aspectos da administración electrónica, a través de charlas e sesión formativas colectivas organizadas polos concellos.
A Deputación invita aos municipios a que poñan en marcha este servizo e o publiciten a través de cartelería, redes sociais e todos os medios que teñan ao seu alcance. Reforzarán así a súa aposta porque nos concellos sempre haxa unha porta aberta de atención á veciñanza, a que supón o uso das sedes electrónicas municipais, que poden empregarse a calquera hora do día, todos os días e desde calquera dispositivo.
Deputación A Coruña
Avenida Porto da Coruña, 2
15006 A Coruña
Tel 981 080 300
sedeconcellos.soporte@dacoruna.gal