06:23:37 Venres 22 de novembro 2024
Estás en:

A Plataforma de Tramitación de Expedientes Electrónicos (TEDeC) da Deputación provincial da Coruña facilitará aos cidadáns a presentación de solicitudes, escritos e documentos dirixidos ás AAPP e a recepción de notificacións electrónicas, alcanzándose un fito importante na carreira cara á plena implantación da Administración Electrónica na provincia

7/11/17

Entra en funcionamento SIR (Sistema de Interconexión de Rexistros) e Notifica.gal en todas as Entidades Locais da Provincia da Coruña.

Culmina a implantación do Sistema de Interconexión de Rexistros (SIR) na provincia da Coruña para todas as Entidades Locais integradas na plataforma de Administración Electrónica da Deputación Provincial.

A Deputación provincial da Coruña, os concellos de Abegondo, Ames, Aranga, Arteixo, Arzúa, A Baña, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Camariñas, Cambre, A Capela, Carballo, Cariño, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Cerceda, Cerdido, Coirós, Corcubión, Coristanco, Curtis, Dodro, Dumbría, Fene, Fisterra, Frades, Irixoa, A Laracha, Laxe, Lousame, Malpica de Bergantiños, Mañón, Mazaricos, Melide, Mesía, Miño, Moeche, Monfero, Mugardos, Muxía, Neda, Negreira, Ordes, Oroso, Outes, Paderne, Padrón, O Pino, Ponteceso, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, Rianxo, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Valdoviño, Vedra, Vilarmaior, Vilasantar, Vimianzo e Zas, o Consorcio As Mariñas e o Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña, atópanse xa plenamente integrados no Sistema.

Tras superar a fase de certificación que establece o Ministerio de Hacienda y Función Pública, responsable do sistema, para o módulo de Rexistro de TEDeC, comezaron as formacións e implantacións paulatinas na Deputación, Concellos e Consorcios, tarefas que remataron o pasado 30 de Outubro.

O SIR permite o envío e recepción de asentos rexistrais, coa súa documentación adxunta dixitalizada, entre as oficinas  de rexistro de todos os Organismos Públicos. Isto permite aos cidadáns facer as súas presentacións en calquera administración, garantindo a interoperabilidade, tal como dita a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

SIR contribúe á redución dos custos de tramitación pola eliminación do papel e porque acurta o tempo de tramitación, dado que o intercambio electrónico é practicamente inmediato.

Ata o momento, a través deste sistema na plataforma TEDeC, producíronse xa máis de 40.200 intercambios, cifra que a partir de agora irase incrementando para contribuír á normalidade na interoperabilidade entre as Administracións Públicas. O aforro estimado por cada asento de tamaño medio tramitado electrónicamente é de 4 euros. A nivel nacional, desde 2012 intercambiáronse por SIR máis de 4.500.000 asentos rexistrais.


Por outra banda, o pasado 26 de Outubro tamén finalizou a posta en marcha do Sistema de Notificacións Electrónicas notifica.gal para todas as EELL integradas na plataforma TEDeC, antes mencionadas.

Notifica.gal é o sistema que a Xunta de Galicia puxo ao dispor dos galegos, servizo que permite o envío de comunicacións con acuse de recibo e selo electrónico para cumprir outro dos requirimentos da lei 39/2015, que establece a obrigación de relacionarse de forma electrónica para determinados colectivos (persoas xurídicas, entidades sen personalidade xurídica, profesionais con colegiación obrigatoria e empregados públicos). Así mesmo, permite ao resto de cidadáns elixir este sistema de forma voluntaria, ben a través do formulario de iniciación do procedemento administrativo correspondente ou en calquera momento a través do propio sistema Notifica.gal.

Desde a Deputación destácase o espírito colaborador que acompaña á implantación destas medidas, xa que se comparten e intercambian ferramentas e sistemas desenvolvidos en distintas administracións e parabenízase a todo o persoal das EELL implicado, animándolles a seguir nesta senda de cambio e transformación cara a administracións máis eficaces e próximas ao cidadán.

Volver

Caixa de suxestións

Contamos coa súa opinión para ofrecer cada día un mellor servizo.

Contacto

Deputación A Coruña
Avenida Porto da Coruña, 2
15006 A Coruña
Tel 981 080 300
sedeconcellos.soporte@dacoruna.gal