07:22:45 Mércores 16 de outubro 2024
Estás en:

Xornada do 23 de Outubro de 2015 "UN NOVO RETO: UNHA ADMINISTRACIÓN DISTINTA E PRÓXIMA"

23/10/15

Co obxectivo de explicar as accións de impulso á administración electrónica nos municipios que se veñen desenvolvendo dende a institución provincial e o novo marco lexislativo que regula este ámbito, e que impón un prazo de un ano para a implantación definitiva da e-administración.
Na inauguración da xornada, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, afirmou que a administración electrónica “é un dos eixes fundamentais da acción da administración provincial” no que se vén traballando dende hai tempo, pero co novo marco lexislativo “pasamos das intencións ás obrigas”, polo que a Deputación trázase como obxectivo a plena implantación da administración electrónica nos concellos da provincia da Coruña.

“A administración electrónica xa non é futuro, senón o presente”, afirmou o presidente da Deputación, que subliñou que as novas tecnoloxías permiten “dotar de máis axilidade, accesibilidade e control” aos procesos administrativos e benefician tanto á cidadanía como aos propios concellos.

Neste sentido, a Deputación da Coruña colaborou ata o día de hoxe na posta en marcha dun total de 85 Sedes Electrónicas na provincia e na posta en marcha de máis de 30 Portais de Transparencia doutros tantos concellos coruñeses, tramitou máis de 50.000 expedientes de xeito integramente dixital e atendeu máis de 12.000 actuacións de soporte demandadas dende os municipios durante 2014.

Experiencias de Vedra, Vimianzo e As Pontes

Durante a xornada, tres municipios de distintas comarcas da provincia narraron a súas experiencias no entorno dixital. O primeiro foi o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, que destacou a “revolución” que supuxo para o seu concello e para os provedores locais a posibilidade de tramitar as facturas a través da plataforma electrónica AL-SIGM (Sistema Integrado de Gestión Municipal).

Antelo destacou tamén “a liberación” que supón para un alcalde asinar resolucións ou certificacións a través de dispositivos móbiles. “É un asunto que antes quitaba moito tempo de estar no despacho asinando documentos e que agora, ao podelo facer dende calquera lugar, podémonos dedicar a outras tarefas”, argumentou.

O alcalde vimiancés afirmou ademais que a e-administración “obriga a traballar en equipo” porque “os diferentes departamentos teñen que coordinarse entre eles”.

Neste aspecto incidiu tamén o concelleiro de Facenda e Urbanismo de As Pontes, Antonio Alonso, que afirmou que a implantación da administración electrónica supuxo un cambio do vello modelo administrativo no que “unha carpeta andaba polos distintos departamentos en busca do funcionario que a ampare” ao modelo actual no que “funcionarios e políticos traballamos en tempo real sobre o mesmo expediente, compartimos información e documentación e hai procedementos que se poden solapar, coa consecuente axilización do proceso”. “Non concibo a xestión municipal sen a plataforma AL-SIGM”, afirmou o concelleiro pontés.

Pola súa banda, o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, incidiu en que “o ámbito privado vai por diante da administración” nesta materia e considerou que “non nos podemos quedar atrás”. Martínez animou aos concellos e aos cidadáns a “vencer as reticencias” entorno á e-Administración e afirmou que o soporte que a Deputación ofrece aos concellos supón “unha gran axuda para un concello como o noso”.

O alcalde de Vedra afirmou que o seu concello xa xestiona licenzas, expedientes, actas de plenos e xuntas de goberno en formato electrónico e espera incorporar a contratación proximamente a este tipo de tramitación.
 

experiencias de implantacion
Volver

Caixa de suxestións

Contamos coa súa opinión para ofrecer cada día un mellor servizo.

Contacto

Deputación A Coruña
Avenida Porto da Coruña, 2
15006 A Coruña
Tel 981 080 300
sedeconcellos.soporte@dacoruna.gal