O equipo do proxecto desprazouse o pasado xoves á sede municipal para presentar aos seus responsables o resumo das actuacións realizadas no últimos tres meses, así como os indicadores extraídos ao peche do período.
O proxecto de transformación dixital das entidades locais da provincia da Coruña (Concello Dixital) empeza a amosar os seus primeiros resultados, materializados nas fases pilotos postas en marcha nos concellos seleccionados para tal fin. Así, Curtis convértese no primeiro deles en rematar o seu plan.
O pasado xoves, o equipo do proxecto Concello Dixital da Deputación da Coruña presentou aos seus responsables a avaliación destes tres meses de colaboración. Amosaron os indicadores estratéxicos do proceso de transformación dixital, estruturados en cinco grandes eidos de actuación: persoas e infraestrutura tecnolóxica; cultura e organización; procesos áxiles e dixitalizados; eficiencia operativa e atención á cidadanía. Todos eles arroxaron moi bos resultados e achegan luz e un futuro prometedor da dixitalización da Administración Local e o seu uso pola cidadanía. Neste senso, unha das conclusións da reunión foi a necesidade de difusión e divulgación das sedes electrónicas municipais, desde as propias entidades e axentes que as compoñen.
O resumo executivo das actuacións concluíu que a boa disposición e implicación dos empregados públicos permitiu a consecución con éxito de todos os obxectivos nas actuacións propostas. Así, todas as accións de formación impartíronse coa asistencia total dos convocados e as melloras achegadas desde o concello serviron e servirán para actualizar a plataforma TEDeC e así exportalas ao resto das entidades usuarias da mesma.
Un dos resultados deste proxecto conxunto é a constitución no concello nas próximas semanas dunha oficina de Rexistro Cl@ve, converténdose así na primeira da provincia a nivel municipal.
Deputación A Coruña
Avenida Porto da Coruña, 2
15006 A Coruña
Tel 981 080 300
sedeconcellos.soporte@dacoruna.gal