Tras a publicación e entrada en vigor da Lei 9/2013 do emprendimento e da competitividade económica de Galicia o propietario poderá iniciar a súa actividade sen licenza e cunha simple Comunicación Previa de Inicio de Actividade, que poderá presentar telemáticamente a través da Sede Electrónica.
Os servizos municipais comprobarán o cumprimento da lei a posteriori. A obrigatoriedade da licenza queda circunscrita a supostos nos que concorran “razóns de interese xeral derivadas da necesaria protección da seguridade e saúde pública, dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, do mantemento da orde pública, así como da adecuada conservación do medio ambiente e o patrimonio histórico artístico” .
Estes cambios implican unha rebaixa dos requisitos que se esixían ata o momento para abrir un local e a eliminación de trámites administrativos, na liña dos criterios impostos por Europa.
No marco do Proxecto de Implantación de Administración Electrónica na provincia da Coruña, o concello de MIÑO é o primeiro concello que actualiza a súa Sede Electrónica para adaptala á nova lei galega, situándose na vangarda dos concellos de Galicia.
Estes mesmos cambios implantaranse próximamente nos restantes concellos que xa teñen a súa Sede Electrónica dispoñible para os cidadáns.
Desde a Deputación da Coruña abordouse este reto coa colaboración dalgúns dos concellos integrados no proxecto. É a nosa intención seguir apostando polo traballo colaborativo, integrado e coordinado, en consonancia coa lei e atendendo a criterios de sustentabilidade e máximo aforro de recursos.
Deputación A Coruña
Avenida Porto da Coruña, 2
15006 A Coruña
Tel 981 080 300
sedeconcellos.soporte@dacoruna.gal