DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 02 de febreiro de 2009 Páx. 2.095

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 22 de xaneiro de 2009 pola que se regula o servizo de axuda no fogar.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, estableceu o sistema galego de servizos sociais como servizo público, orientado á prestación programada de servizos que posibiliten a mellora da calidade de vida e da participación das persoas, especialmente das que sofren carencias ou desatencións. Desta maneira desenvolvíase a previsión do artigo 27.23º do Estatuto de autonomía para Galicia, cando establecía que corresponde ao poder galego a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A dita lei ordena o sistema en dous niveis de atención, primaria e especializada, correspondéndolle aos concellos a creación e xestión dos servizos sociais de atención primaria, entre os que figura o servizo de axuda no fogar, sen prexuízo das funcións de coordinación e ordenación normativa, así como de homologación, rexistro e control de centros e servizos, competencias que residen na Xunta de Galicia. Consonte co anterior, promulgouse o Decreto 240/1995, do 28 de xullo, polo que se regulan os servizos sociais de atención primaria, así como a Orde do 22 de xullo de 1996, que regulaba o servizo de axuda no fogar e que esta norma derroga. Esta ordenación normativa é coherente coa propia Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que inscribe a prestación de servizos sociais dentro do ámbito de competencias propias dos concellos, competencia que exercerán nos termos que estableza a lexislación da comunidade autónoma.

Resulta necesario agora, unha vez aprobada a Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, así como a normativa estatal e galega que a desenvolve, establecer un novo marco regulador de carácter básico dos contidos, formas de prestación e aspectos procedementais e organizativos do servizo de axuda no fogar, de maneira que, sen prexuízo da autonomía municipal na configuración concreta e na xestión do servizo, se establezan pautas de carácter xeral que aseguren un nivel equitativo de atención a todas as persoas que teñan limitada a súa autonomía persoal

Concretamente, no que atinxe ao desenvolvemento galego daquela norma estatal, cómpre realizar a adaptación da regulación do servizo de axuda no fogar, en canto que servizo incluído no catálogo da Lei 39/2006, ao disposto no Real decreto 727/2007, do 8 de xuño, sobre criterios para determinar as intensidades de protección dos servizos e contía das prestacións económicas da Lei 39/2006, no Decreto 176/2007, do 6 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema na Comunidade Autónoma de Galicia, así como na Orde do 17 de decembro de 2007 pola que se establecen os criterios para a elaboración do programa individual de atención, fixación das intensidades de protección dos servizos, réxime de incompatibilidades das prestacións e xestión das prestacións económicas.

Esta adaptación e integración efectiva é necesaria, ademais, de cara a garantir unha calidade e intensidade homoxéneas nos tipos de atención establecidos na norma, así como nos criterios de participación económica das persoas usuarias no financiamento do servizo, así como unha harmonización nos criterios de xestión dos fondos que financian a atención á dependencia. Establécese desta maneira un marco normativo común que unifica o servizo de axuda no fogar como prestación básica dos servizos sociais de atención primaria e o derivado da Lei 39/2006, e normativa que a desenvolve, sen prexuízo de que en cuestións concretas se establezan diferenzas entre as dúas modalidades de acceso á prestación.

Dáse así cumprimento a un dos principios básicos da citada Lei 39/2006, enunciado no seu artigo 3.3º, e consistente na integración das prestacións establecidas nesta lei nas redes de servizos sociais das comunidades autónomas, no ámbito das competencias que teñen asumidas, e o recoñecemento e garantía da súa oferta mediante centros e servizos públicos ou privados concertados, principio concordante coa previsión do artigo 12 da propia lei, no que se establece que as entidades locais participarán na xestión dos servizos … de acordo coa normativa das respectivas comunidades autónomas. Estes preceptos foron recepcionados no Decreto 176/2007, concretamente no seu artigo 3, sobre integración das prestacións do sistema de dependencia no sistema galego de servizos sociais e, no que atinxe á materia regulada nesta orde, no seu artigo 4º.3, no que se fai referencia expresa a que as entidades locais de Galicia participarán na xestión dos servizos de atención á dependencia nos termos

establecidos neste decreto e demais normativa autonómica en materia de servizos sociais.

Así mesmo, dada a posibilidade de que a prestación do servizo se realice por entidades de carácter privado, ben de iniciativa social ou de natureza mercantil, cómpre establecer os requisitos específicos exixibles nestes casos, todo de conformidade co disposto no Decreto 143/2007, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais.

En definitiva, esta orde desenvolve en primeiro lugar o Decreto 240/1995, tendo en conta o impacto da Lei 39/2006 e os reais decretos que a desenvolven, en particular o R.D. 727/2007; e, ademais, o Decreto 176/2007, complementando, para tal efecto, a Orde do 17 de decembro de 2007, así como o Decreto 143/2007, no que se refire aos requisitos específicos das entidades prestadoras do servizo que se regula.

En virtude do exposto e facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro, 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto desta orde a regulación xeral do servizo de axuda no fogar desenvolvido por calquera das entidades prestadoras de servizos sociais legalmente recoñecida.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O establecido nesta orde é de aplicación a todos os programas de axuda no fogar que se desenvolvan no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Definición e obxectivos do servizo.

1. O servizo de axuda no fogar ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestruturación familiar.

2. Son obxectivos do servizo de axuda no fogar:

a) Mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.

b) Posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual.

c) Favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio.

d) Manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social.

e) Previr situacións de dependencia ou exclusión social.

f) Retardar ou evitar a institucionalización.

g) Reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.

Artigo 4º.-Contido do servizo.

1. De conformidade coa valoración técnica realizada polos servizos sociais que en cada caso correspondan, no marco do servizo de axuda no fogar poderán prestarse os seguintes tipos de atención de carácter básico:

a) Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, tales como:

-Asistencia para levantarse e deitarse.

-Apoio no coidado e hixiene persoal, así como para vestirse.

-Control do réxime alimentario e axuda, se é o caso, para alimentarse.

-Supervisión, cando proceda, das rutinas de administración de medicamentos prescritas por facultativos.

-Apoio para cambios posturais, mobilizacións, orientación espacio-temporal.

-Apoio a persoas afectadas por problemas de incontinencia.

b) Atencións de carácter persoal na realización doutras actividades da vida diaria, tales como:

-Acompañamento fóra do fogar para acudir a consultas ou tratamentos.

-Apoio na realización de xestións necesarias ou urxentes.

c) Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda, tales como:

-Limpeza e mantemento da hixiene e salubridade da vivenda.

-Compra de alimentos e outros produtos de uso común.

-Preparación dos alimentos.

-Lavado e coidado das prendas de vestir.

-Coidados básicos da vivenda.

Este tipo de atención poderá ser facilitado en parte, se é o caso, por programas específicos de lavandaría ou alimentación a domicilio.

d) Atencións de carácter psicosocial e educativo: intervencións técnico-profesionais formativas e de apoio ao desenvolvemento das capacidades persoais, á afectividade, á convivencia e á integración na comunidade así como á mellora da estruturación familiar.

2. Con carácter complementario, o servizo de axuda no fogar poderá incorporar, entre outros, os seguintes tipos de atención:

a) Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables.

b) Prestación de atención a distancia mediante dispositivos de teleseguimento, teleasistencia e similares.

c) Adaptacións funcionais do fogar.

d) Servizo de podoloxía.

e) Servizo de fisioterapia.

3. Poderán integrarse, ademais, dentro do servizo de axuda no fogar, determinadas atencións e actividades que se desenvolvan fóra do marco do domicilio da persoa usuaria, sempre que, de acordo coa prescrición técnica sobre o contido do servizo, incidan de maneira significativa na posibilidade de permanencia no fogar e na mellora da autonomía e a calidade de vida.

4. En todo caso as atencións prestadas terán un carácter de reforzo e non substitutivo das propias capacidades da persoa usuaria ou doutras persoas do seu contorno inmediato, de maneira que se facilite e promova a súa autonomía.

5. En ningún caso poderán formar parte das actuacións desenvolvidas polo servizo:

-A realización de actividades domésticas que non fosen incluídas no proxecto de intervención e no acordo de servizo recollidos no artigo 12º desta orde.

-Actuacións que, polo seu carácter sanitario, deban en todo caso ser realizadas por persoal facultativo.

Artigo 5º.-Persoas destinatarias.

1. O servizo de axuda no fogar estará aberto a todas as persoas ou unidades de convivencia para as que, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu contorno inmediato, así como fogares con menores en que se observe necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Tamén poderá dar unha resposta preventiva e socializadora a diversas situacións de familias en risco de exclusión social.

2. En todo caso, darase prioridade no acceso ao servizo ás persoas que teñan un dereito recoñecido de atención dentro do sistema de autonomía e atención á dependencia.

3. Sen prexuízo dos criterios de carácter xeral establecidos nesta orde, as ordenanzas municipais reguladoras do servizo establecerán os sistemas de acceso por libre concorrencia ao servizo de axuda no fogar, en tanto que prestación básica do sistema de servizos sociais, para situacións diferentes á recollida no parágrafo anterior.

Artigo 6º.-Dereitos das persoas usuarias.

As persoas usuarias do servizo, no marco dos dereitos que con carácter xeral se lle recoñecen na lexislación aplicable sobre servizos sociais e, se é o caso, sobre o procedemento administrativo común, terán dereito:

1. A seren tratadas co respecto debido á súa dignidade.

2. A recibiren unha atención adaptada ás súas necesidades, coa calidade e duración prescritas en cada caso.

3. A coñeceren a organización e o regulamento do servizo.

4. A coñeceren a situación do seu expediente.

5. Ao tratamento confidencial dos seus datos de acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

6. A recibiren información precisa e clara sobre as posibles modificacións sobrevidas durante a prestación efectiva do servizo.

7. A presentaren queixas e suxestións ao persoal coordinador do servizo cando expresaren reclamacións ou fixeren suxestións sobre a súa prestación efectiva.

Artigo 7º.-Deberes das persoas usuarias.

As persoas usuarias, no marco dos deberes que con carácter xeral se recollen no artigo 37 da Lei 4/1993, de servizos sociais, terán os seguintes deberes:

1. Cumprir coas condicións do servizo, facilitándolle a execución das tarefas ao persoal a cargo e poñendo á súa disposición, se é o caso, os medios materiais necesarios.

2. Colaborar, na medida das súas posibilidades, no desenvolvemento do servizo en función das súas capacidades e nos termos acordados en cada caso.

3. A facilitar e colaborar no seguimento e avaliación do servizo.

4. Respectar a dignidade persoal e profesional das persoas que presten o servizo, así como respectar os límites das súas obrigas laborais.

5. Informar dos cambios de calquera circunstancia que impliquen unha modificación na súa capacidade económica, así como de circunstancias relevantes de carácter persoal ou familiar que puidesen dar lugar á modificación, suspensión ou extinción na prestación do servizo.

6. Participar no pagamento do servizo nos termos que se estableza na súa norma reguladora.

7. A comunicar, en circunstancias ordinarias e previsibles, con dez días de antelación, calquera ausencia temporal do domicilio que puidese impedir a prestación do servizo.

Artigo 8º.-Causas de extinción e modificación do servizo.

1. Son causas de extinción do servizo de axuda no fogar, as seguintes:

a) A renuncia da persoa usuaria.

b) O cambio de programa individual de atención ou do proxecto de intervención que implique un cambio de asignación de recurso e a súa incompatibilidade co servizo de axuda no fogar.

c) Traslado definitivo da súa residencia a outro concello.

d) Falecemento da persoa usuaria.

e) Incumprimento reiterado dos deberes e obrigas establecidas para as persoas usuarias na prestación do servizo.

f) A falta reiterada de pagamento do servizo.

g) Desaparición das causas que motivaron a prestación do servizo.

2. Ademais, con carácter xeral, a alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión do servizo, poderá dar lugar á modificación das condicións de prestación nas que fora concedido inicialmente. Os cambios de circunstancias, en calquera caso, deberán substanciarse no expediente individual, mediante un novo informe social.

3. Cando se trate dun servizo público de axuda no fogar asignado a persoas en situación de dependencia na correspondente resolución de Programa Individual de Atención, consonte o establecido no Decreto 176/2007, do 6 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema na Comunidade Autónoma de Galicia, a incoación, por parte da entidade titular do servizo, dun expediente de extinción ou modificación das condicións de prestación do servizo deberá notificarase en todo caso ao órgano competente para ditar resolución de Programa Individual de Atención.

Artigo 9º.-Causas de suspensión temporal do servizo.

Son causa de suspensión temporal do servizo, logo de tramitación do correspondente expediente e informe razoado do persoal técnico coordinador do servizo, que deberá incorporarse ao expediente persoal, as que seguen:

1. Ausencia temporal do domicilio: neste caso o servizo poderá suspenderse por un máximo de tres meses, debendo acreditar a persoa usuaria as causas que motivan a súa ausencia.

2. Modificación temporal das causas que motivaron a necesidade do servizo: poderá suspenderse o servizo en tanto persista o cambio de circunstancias causante da suspensión, coa excepción das prazas vinculadas a un dereito exercido dentro do sistema de autonomía e a atención á dependencia, suposto no que se estará ao disposto na correspondente normativa reguladora.

Capítulo II

Da prestación do servizo

Sección primeira

Disposicións comúns a todas as entidades prestadoras

Artigo 10º.-Réxime xeral de autorización e inspección.

1. Todas as entidades prestadoras de servizos sociais, públicas ou privadas, con ou sen ánimo de lucro, que desenvolvan o programa de axuda no fogar, deberán estar debidamente autorizadas de conformidade co establecido no Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e centros de servizos sociais.

2. Así mesmo, estarán suxeitas á inspección e ao réxime sancionador vixente en materia de servizos sociais.

3. As entidades que presten servizos de atención a persoas en situación de dependencia deberán acreditarse de conformidade co disposto na Lei 39/2006, do 14 de decembro, e o Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e centros de servizos.

Artigo 11º.-Formas de prestación do servizo.

1. O servizo público de axuda no fogar prestarano as entidades locais, ben directamente, ou ben mediante as diversas modalidades de contratación da xestión de servizos públicos reguladas na normativa vixente sobre contratos do sector público, a través de entidades privadas debidamente autorizadas.

2. Ademais, as entidades privadas poderán realizar a prestación dun servizo privado de axuda no fogar en réxime de libre mercado sempre que cumpran os requisitos de autorización e acreditación legalmente establecidos.

3. As entidades privadas non poderán subcontratar a execución da prestación principal do servizo de axuda no fogar, entendendo por tal a atención regular e continuada realizada no fogar da persoa ou unidade de convivencia usuaria, en aplicación do proxecto de intervención deseñado para cada caso. Non obstante, poderanse subcontratar prestacións complementarias do servizo, entendendo por tales aquelas que teñan carácter non regular, as que se poidan executar fóra do domicilio e as que reforcen a atención regular por medios técnicos ou humanos especializados.

4. Ademais, sen prexuízo do establecido no número 1 deste artigo, os servizos poderán ser prestados mediante fórmulas de colaboración institucional entre as administracións competentes ou por entidades de dereito público, de acordo co establecido na lexislación vixente.

Artigo 12º.-Requisitos específicos.

1. O servizo estará coordinado por persoal técnico cunha cualificación mínima de diplomatura universitaria na área de servizos sociais. No caso de que o número de persoas usuarias sexa menor de 50, o persoal técnico mínimo exixible será de 0,02 profesionais en cómputo de xornada completa por persoa usuaria. Nos demais casos aplicarase a seguinte táboa:

Ver referencia pdf "02200D001P007.PDF"

2. O persoal que presta atención directa nos domicilios das persoas usuarias estará formado por auxiliares de axuda no fogar, que, no caso de atender a persoas afectadas por déficit de autonomía, deberá estar en posesión do título de formación profesional de grao medio de atención sociosanitaria ou equivalente, regulado no Real decreto 496/2003, do 2 de maio, ou en posesión do certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio ou equivalente, regulado no Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen os certificados de profesionalidade da familia profesional de servizos socioculturais e á comunidade.

3. A entidade contará e expoñerá publicamente o regulamento de funcionamento do programa, no cal se incluirá como mínimo a seguinte información:

a) Identificación da entidade titular, sede oficial e oficina base do programa.

b) Ámbito de actuación.

c) Dereitos e deberes da persoa usuaria e da entidade.

d) Descrición dos servizos que se prestan.

e) Procedemento para causar alta, baixa, modificación ou suspensión do servizo.

f) Protocolo para inicio da prestación efectiva e establecemento do vínculo entre a/o auxiliar de axuda no fogar e a persoa usuaria do servizo.

g) Modelo do acordo de servizo entre persoa usuaria e entidade.

h) Horarios de atención ao público na oficina base do programa.

i) Límites horarios para a prestación do servizo.

j) Réxime de visitas aos domicilios do/a técnico/a que coordine ou supervise o programa.

k) Protocolo de actuación no caso de urxencias e de incidencias.

l) Protocolos de substitución da persoa auxiliar de axuda no fogar e de cesación do servizo.

m) Protocolo de actuación no caso de queixa no libro de reclamacións.

n) Cadro de persoal anexo.

o) Cadro de prezos anexo.

4. A entidade local titular do servizo de axuda no fogar, tanto se o presta en réxime de xestión directa como se o presta en réxime de xestión indirecta ou, de ser o caso, a entidade prestadora en réxime privado do servizo, abrirá un expediente por cada persoa usuaria ou por cada unidade de convivencia á que se presta o servizo, no cal constará, cando menos:

a) Un informe social, asinado por un traballador ou traballadora social da entidade titular do servizo.

b) Un proxecto de intervención, asinado polo técnico responsable que designe a entidade titular do servizo, que recollerá como mínimo a información contida no anexo II desta orde.

c) Un acordo de servizo asinado entre a entidade titular do servizo e a persoa usuaria, que recollerá como mínimo a información contida no modelo do anexo III desta orde.

En todo caso o tratamento da información contida nos expedientes realizarase de acordo coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

5. A persoa que exerza como responsable técnica do servizo garantirá unha supervisión do servizo efectivamente prestado, que será realizada sempre que as circunstancias a fagan necesaria e, como mínimo, cunha periodicidade de dous meses. Da supervisión realizada quedará constancia no correspondente expediente individual. Mediante esta supervisión revisarase e axustarase, se fose o caso, o contido das prestacións expresado no proxecto de intervención e no acordo de servizo.

Sección segunda

Da prestación do servizo polas entidades locais

Artigo 13º.-Modalidades de acceso ao servizo.

O acceso ao servizo producirase a través dos servizos sociais de atención primaria, de acordo coas seguintes modalidades:

1. O acceso ao servizo será directo para persoas que, tendo recoñecida a situación de dependencia, se lles asigne a axuda no fogar na correspondente resolución de Programa Individual de Atención, consonte o establecido no Decreto 176/2007, do 6 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema na Comunidade Autónoma de Galicia, así como na Orde do 17 de decembro de 2007 pola que se establecen os criterios para a elaboración do programa individual de atención, fixación das intensidades de protección dos servizos, réxime de incompatibilidades das prestacións e xestión das prestacións económicas.

2. Para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non as asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, o acceso ao servizo, logo de prescrición técnica favorable dos servizos sociais de atención primaria, resolverase en réxime de libre concorrencia de acordo cos criterios establecidos nesta orde e, se é o caso, na correspondente ordenanza municipal.

3. De igual maneira á expresada no punto anterior procederase nas situacións en que a problemática principal estea relacionada con aspectos convivenciais e socioeducativos.

4. Nos supostos recollidos nos números 2º e 3º deste artigo empregarase un baremo en que, ademais dos posibles déficits de autonomía, se valoren factores de carácter persoal e sociofamiliar, o apoio social, a situación da vivenda e outros que dificulten obxectivamente a normalización social e a calidade de vida. En ausencia de baremo propio, poderase empregar o recollido no anexo I desta orde.

Artigo 14º.-Criterios de organización e procedemento.

1. O servizo de axuda no fogar estará integrado nos servizos sociais de atención primaria de titularidade municipal e será coordinado por un/unha profesional do equipo técnico dos servizos sociais da entidade local titular do servizo.

2. No acceso directo ao servizo para as persoas usuarias con dependencia valorada, a resolución relativa ao programa individualizado de atención terá a consideración de resolución de asignación e incorporación ao servizo.

3. No acceso en libre concorrencia será de aplicación o seguinte:

a) O procedemento iniciarase por instancia de parte, de conformidade cos principios xerais recollidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións e do procedemento administrativo común, e cos baremos que se elaboren en desenvolvemento do estipulado nesta orde.

b) Cando circunstancias debidamente acreditadas no expediente así o xustifiquen, o procedemento de acceso ao servizo poderá iniciarse de oficio.

c) As solicitudes dos particulares para acceder ao servizo deberán ser valoradas en todo caso por un traballador ou traballadora social dos servizos sociais de atención primaria do concello, que, unha vez realizada a correspondente visita domiciliaria, determinará, mediante informe preceptivo e vinculante, a idoneidade do servizo, así como a intensidade recomendable para cada caso concreto.

d) O órgano competente para ditar a resolución será o/a alcalde/sa, que poden delegar esta competencia de conformidade co disposto no artigo 21.3º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión do servizo, deberán acordarse, entre os servizos sociais de atención primaria do concello e a persoa usuaria, as condicións básicas da prestación, que se substanciarán no acordo de servizo regulado no artigo 12.4º desta orde.

5. No caso de extrema e urxente necesidade debidamente xustificada, mediante resolución motivada do alcalde ou do membro da corporación local responsable en materia de servizos sociais, poderase iniciar de oficio a prestación do servizo de maneira inmediata, por proposta dos servizos sociais de atención primaria e sen prexuízo da posterior instrución do correspondente expediente.

6. Na prestación do servizo, ademais do persoal profesional, poderá colaborar persoal voluntario baixo a supervisión técnica dos servizos sociais da entidade local titular do servizo. Para estes efectos estarase ao previsto na lexislación en vigor sobre voluntariado.

7. No caso de tratarse de intervencións de carácter socioeducativo derivadas dun diagnóstico de desestruturación familiar, deberán incorporarse ao proceso, de acordo coas circunstancias do fogar de que se trate, algunha das seguintes figuras profesionais: técnico superior en integración social, diplomado en educación social ou diplomado en traballo social.

Artigo 15º.-Intensidade na prestación do servizo.

1. A intensidade do servizo determinarase, con carácter xeral, en horas mensuais de atención, distribuídas en función das necesidades da persoa usuaria e do informe técnico expresado no artigo anterior.

2. A intensidade do servizo de axuda no fogar para as persoas atendidas no marco do sistema de autonomía persoal e atención á dependencia estará predeterminada no seu programa individualizado de atención. A súa aplicación horaria será flexible e conforme co proxecto de intervención, de maneira que, cando menos, se garanta a cobertura das necesidades de atención de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, relacionadas no artigo 4.1º a), todos os días da semana.

3. Nos restantes casos a intensidade do servizo virá determinada na prescrición efectuada polos correspondentes servizos sociais de atención primaria.

Artigo 16º.-Financiamento.

En desenvolvemento do establecido no título sétimo da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais e no artigo 7 do Decreto 240/1995, do 28 de xullo, polo que se regulan os servizos sociais de atención primaria, así como do disposto nos artigos 12 e 33 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e do artigo 4.3º do Decreto 176/2007, do 6 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito de acceso ás prestacións económicas do sistema para a autonomía persoal e atención á dependencia, o servizo de axuda no fogar financiarase mediante achegas da Administración xeral do Estado, da Xunta de Galicia, da entidade local titular do servizo e das súas persoas usuarias, tendo en conta o seguinte:

1. A contía da achega da Xunta de Galicia para o financiamento da prestación do servizo de axuda no fogar será, cando menos, equivalente á da Administración xeral do Estado.

2. Estableceranse anualmente, por orde do departamento da Xunta de Galicia competente en materia de servizos sociais, os módulos económicos de financiamento do servizo, atendendo, se é o caso, ás posibles diferenzas de custo por grao e nivel de dependencia e outras tipoloxías que se considerarán.

3. O departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de servizos sociais garantirá con carácter xeral o cofinanciamento anual necesario para dar continuidade ao servizo prestado e certificado de acordo cos contidos e características establecidos nesta orde.

4. Os concellos consignarán nos seus orzamentos as cantidades necesarias para garantir a viabilidade dos servizos da súa competencia. O esforzo de cofinanciamento dos concellos no mantemento do servizo de axuda no fogar, alén dos mínimos legalmente establecidos, formará parte dos criterios para a determinación do financiamento autonómico para o mantemento do servizo de axuda no fogar municipal.

5. Os concellos aprobarán e xestionarán o sistema de contribución ao financiamento do servizo por parte das persoas usuarias, en función da capacidade económica destas, de acordo co establecido nos artigos seguintes.

6. As deputacións provinciais proporcionarán apoio económico aos concellos, especialmente aos de menos de 20.000 habitantes, para o mantemento do servizo de axuda no fogar, consonte o establecido no artigo 22 da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais de Galicia, así como na lexislación vixente reguladora do réxime local.

Artigo 17º.-Determinación da capacidade económica das persoas usuarias do servizo.

1. Para os efectos deste artigo considérase persoa usuaria aquela para a cal se solicite o servizo. No caso de intervención con familias, entenderase como persoa usuaria un dos membros adultos da unidade de convivencia responsables dos menores que formen parte dela.

2. A capacidade económica das persoas usuarias do servizo de axuda no fogar calcularase en atención á súa renda e, se é o caso, ao seu patrimonio. Teranse en conta, ademais, as persoas conviventes economicamente dependentes, de acordo co establecido nos parágrafos seguintes.

3. A renda valorarase atendendo aos ingresos netos que se perciban, que comprenderán os rendementos de traballo, incluídas pensións e prestacións de previsión social, calquera que sexa o seu réxime; os rendementos de capital mobiliario e inmobiliario; os rendementos das actividades económicas e as ganancias e perdas patrimoniais.

4. Para o cómputo do patrimonio estarase ao disposto na normativa fiscal en vigor sobre o patrimonio, entendéndose por tal o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que sexa titular a persoa usuaria do servizo, con dedución das cargas e gravames que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais das que deba responder. Considéranse exentos do cómputo a vivenda habitual en que se preste o servizo e os bens e dereitos cualificados como exentos na normativa aplicable sobre o imposto do patrimonio. Nos supostos de cotitularidade, só se terá en consideración a porcentaxe correspondente á propiedade do beneficiario.

5. No caso de que a persoa usuaria tivese cónxuxe ou parella de feito, as rendas de ambos os dous terán a consideración de rendas computables, entendéndose neste caso por renda persoal a metade da suma dos ingresos de ambos os dous membros da parella.

6. A capacidade económica por razón de renda determinarase dividindo a renda ou rendas computables, de acordo co número anterior, entre a suma dos seguintes conviventes: o perceptor ou perceptores de rendas computadas e, se é o caso, o cónxuxe e os ascendentes ou fillos/as menores de 25 anos, ou maiores desta idade en situación de discapacidade, que dependesen economicamente dos citados perceptores.

7. A capacidade económica resultante será a correspondente á renda da persoa usuaria, calculada de acordo cos números anteriores, modificada á alza, se fose o caso, pola suma dun 5% do valor do patrimonio neto que supere o mínimo exento para a realización da declaración do imposto sobre o patrimonio en vigor a partir dos 65 anos de idade, dun 3% dos 35 aos 65 anos e dun 1% os menores de 35 anos.

8. Para o cómputo da renda ou do patrimonio teranse en conta os datos correspondentes á última declaración fiscal dispoñible ou pensión coñecida.

9. As entidades locais titulares do servizo establecerán os mecanismos de revisión anual para a actualización da información relativa á capacidade económica das persoas usuarias do servizo de axuda no fogar.

Artigo 18º.-Participación no financiamento do servizo das persoas usuarias.

1. No caso de que a capacidade económica da persoa usuaria sexa igual ou inferior ao indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM), quedará exenta da obriga de participar no custo do servizo.

2. Para o resto dos supostos, cada concello establecerá unha regulación progresiva do copagamento do servizo que deberá respectar en todo caso os límites expresados na seguinte escala:

a) As persoas usuarias cunha capacidade económica superior ao 100% pero que non exceda o 300% do indicador público de renda de efectos múltiples, asumirán un mínimo dun 10% e un máximo do 20% do custo do servizo.

b) As persoas usuarias cunha capacidade económica superior ao 300% pero que non exceda o 500% do indicador público de renda de efectos múltiples, asumirán un mínimo dun 21% e un máximo do 60% do custo do servizo.

c) As persoas usuarias cunha capacidade económica superior ao 500% do indicador público de renda de efectos múltiples, asumirán un mínimo dun 61% do custo do servizo e un máximo do 65% do custo do servizo.

3. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderán preverse excepcións aos criterios xerais nos casos en que a problemática principal atendida sexa a desestruturación familiar e se procure a protección e integración social de menores de idade en risco de exclusión, mediante resolución motivada do órgano competente para acordar a concesión do servizo, da que en todo caso deberá deixarse constancia no correspondente expediente.

Sección terceira

Da prestación do servizo por entidades privadas

Artigo 19º.-Local de referencia.

As entidades privadas que presten estes servizos contarán cun local de referencia, que será a sede da base operativa do programa, e que en todo caso deberá estar situado no concello en que se presta o servizo ou en concello limítrofe. O referido local tamén poderá estar situado nun concello próximo non limítrofe, sempre que se cumpra que a agrupación de concellos a que se preste o servizo non supere os 100.000 habitantes.

Artigo 20º.-Financiamento.

As administracións públicas poderán financiar as entidades privadas de iniciativa social para a prestación de servizos de axuda no fogar que se presten de acordo cos criterios de prioridade expresados no anexo I desta orde para acceder ao servizo e tendo en conta criterios de calidade, innovación e complementariedade co servizo xestionado polo sector público.

Artigo 21º.-Da coordinación cos servizos sociais de atención primaria.

1. As entidades privadas que presten o servizo de axuda no fogar mediante financiamento total ou parcial con fondos públicos, ou que atendan a persoas usuarias derivadas do sistema de autonomía persoal e atención á dependencia, manterán unha coordinación efectiva cos servizos sociais de atención primaria.

2. Para tal efecto establecerán un protocolo de comunicación de altas no servizo de cada persoa usuaria dirixido aos servizos de atención primaria do concello ou entidade local que corresponda.

3. Así mesmo trasladarán aos servizos de atención primaria municipais das persoas usuarias copia actualizada do correspondente proxecto de intervención e dos informes de seguimento.

Disposición adicionais

Primeira.-Da prestación do servizo en áreas rurais de alta dispersión.

1. En áreas rurais de alta dispersión teranse en conta as especiais circunstancias sociais, demográficas e xeográficas e a necesidade de adaptar a prestación do servizo ás necesidades de comunidades rurais illadas e envellecidas.

2. Para estes efectos poderán impulsarse programas especiais xestionados polas administracións públicas ou por entidades de iniciativa social en que se desenvolvan actuacións das seguintes características:

a) Que complementen de maneira efectiva a rede pública de servizos sociais de proximidade.

b) Que sexan efectivamente prestados por persoas veciñas dos mesmos asentamentos ou de asentamentos próximos ás persoas usuarias.

c) Que promovan unha prestación integral que mellore a calidade de vida e de relación das persoas usuarias, adaptada as súas necesidades e ás pautas de vida rural.

d) Que favorezan a diversificación de rendas e a permanencia voluntaria da poboación maior no seu contorno.

3. Na autorización destes programas poderán excepcionarse requisitos expresados nos artigos 12.2º e 12.3º, sempre que se respecten os dereitos das persoas beneficiarias, se estableza un plan de formación e se xustifique en memoria técnica a necesidade ou conveniencia de facer unha adaptación dos citados requisitos fundamentada na viabilidade e calidade do servizo, así como nos efectos positivos en relación coas estratexias de inclusión social e desenvolvemento rural.

Segunda.-Da prestación do servizos por mancomunidades de municipios.

Todas as referencias realizadas aos concellos no texto desta orde entenderanse realizadas ás mancomunidades de municipios para todos aqueles supostos en que a xestión do servizo de axuda no fogar lle estea encomendada a unha destas entidades.

Disposicións transitorias

Primeira.-Adaptación de ordenanzas municipais.

Os concellos disporán dun prazo de seis meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, para a adaptación das súas ordenanzas municipais ao disposto nesta orde.

Segunda.-Cualificación do persoal.

1. As entidades prestadoras de servizos sociais disporán dun prazo de tres anos a partir da entrada en vigor desta orde para normalizar a cualificación profesional do cadro de persoal que presta servizos como auxiliar de axuda no fogar de acordo cos requisitos expresados no artigo 12º desta orde, sempre que poidan acreditar que ese persoal participou nalgún curso de formación específico.

2. Para os efectos do anteriormente establecido, as entidades prestadoras elaborarán un plan de formación continua para o conxunto dos seus traballadores.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 22 de xullo de 1996, que regula o servizo de axuda no fogar.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o/a titular do centro directivo competente en materia de servizos sociais para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2009.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

ANEXO I

Baremo para determinar a asignación do servizo de axuda no fogar en réxime de libre concorrencia

(Modalidade de prestación básica de servizos sociais de atención primaria)

Factor 1: autonomía persoal (máximo total 40 puntos)

O valor asignado en función da falta de autonomía das persoas será o que se deduza da valoración realizada polos órganos oficiais competentes para a valoración da discapacidade e do grao de dependencia.

As persoas dependentes valoradas que, polo calendario oficial de implantación, teñan dereito á prestación pola vía de acceso directo do sistema da dependencia (PIA con posible asignación de servizos de axuda no fogar), non poderán acceder polo sistema de libre concorrencia.

A asignación de valor en función do factor autonomía persoal realizarase de acordo coa seguinte táboa:

Ver referencia pdf "02200D001P007.PDF"

Tipo de servizo a prestar 4.

Perfil dos/as profesionais.

Outros servizos:

3. Existencia doutros servizos/apoios prestados a domicilio.

Existencia:

Servizos/apoios:

Nº de horas semanais:

4. Obxectivos específicos e tarefas que se propoñen.

Obxectivos do servizo proposto:

Tarefas que se realizarán:

5. Periodicidade do seguimento (mínimo bimensual).

Técnico responsable:

Asdo.:

Ver referencia pdf "02200D001P007.PDF"