Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 02 de abril de 2002 Páx. 4.114

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos e de Adestradores Caninos.

A lexislación sobre a protección animal en Galicia recolle disposicións destinadas a garantir unha axeitada convivencia entre persoas e animais que habitan no contorno humano, establecendo unha serie de obrigas ós posuidores como responsables finais das accións dos animais baixo a súa custodia.

A Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, dispón no artigo 7 que «o posuidor dun animal será responsable de adopta-las medidas necesarias para impedir que os animais causen molestias ós veciños ou poñan en perigo a quen conviva no seu contorno». Neste mesmo artigo a dita lei dispón que «o posuidor dun animal, sen prexuízo da responsabilidade subsidiaria do propietario, será responsable dos danos e das perdas que ocasione, de acordo coa lexislación aplicable en cada caso».

Así mesmo, esta lei prohibe no seu artigo 10 «a tenza de animais salvaxes perigosos para o home fóra dos locais autorizados pola Consellería de Medio Ambiente, así como a súa circulación por lugares abertos ó público sen as medidas protectoras que se establezan, de acordo coas características de cada especie». Por outra banda, recolle como infracción grave a tenza de animais perigosos sen as medidas de protección que se fixen.

O Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, recolle e desenvolve no

seu artigo 25 a previsión anterior ó establecer que «os posuidores dos animais teñen a obriga de adopta-las medidas necesarias para que o animal non poida acceder libremente ás vías e espacios públicos ou privados, así como impedi-lo seu libre acceso a persoas, animais ou cousas que se atopen neles», así como que «os posuidores de animais que se encontren en liberdade en predios ou recintos deberán dispo-los medios adecuados para evitar que se poidan ocasionar danos ou molestias ós viandantes, procurando tamén que a circulación e transporte dos animais pola vía pública se leve a cabo coas adecuadas medidas de protección».

O Decreto 153/1998, do 2 de abril, contén, á marxe das xa referidas, outras moitas referencias á tenza ou posesión de animais no sentido de evitaren danos ou molestias ós cidadáns, así os artigos 29 «as canceiras, cortes, cortellos e demais aloxamentos para acoller animais deberán dispor de cerramentos ou outros mecanismos que, sen producírenlles danos ou molestias físicas, eviten as fugas», 30 «queda prohibida a tenza de animais perigosos para o home sen dispor de recintos apropiados, e a súa circulación en espacios públicos ou en locais abertos ó público sen as debidas garantías de seguridade», 49 «os animais ceibos en vivendas con acceso á vía pública deberán estar cercados de maneira que non poidan alterar ou asusta-los viandantes», 50 «nas vías públicas, os cans irán provistos de buceira, cadea ou correa e colar con identificación do propietario», establecendo nos artigos 51 e 52 o procedemento que hai que seguir no caso de que unha persoa fose agredida por un animal.

No ámbito estatal cómpre sinala-la Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre ó réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos, que foi promulgada con base nas competencias asignadas ó Estado no artigo 149.1.29º da Constitución española, e motivada pola proliferación da tenza de animais que pola súa tipoloxía e conducta son susceptibles de xerar un perigo para as persoas, outros animais e para as cousas, incrementado en determinadas ocasións por un adestramento que potencia as súas características específicas.

Nos últimos tempos transcendeu á opinión pública a proliferación de ataques de animais, especialmente de cans, ás persoas, xerando unha situación que motivou a promulgación da referida normativa estatal e que é obxecto de desenvolvemento neste decreto na nosa comunidade autónoma, de conformidade coas competencias atribuídas estatutariamente.

Co fin de garantir axeitadamente a seguridade e protección de persoas, animais e bens, e, así mesmo, a pacífica convivencia entre persoas e animais, é preciso regula-las condicións para a tenza de animais que poidan constituír un potencial perigo, ben pola súa tipoloxía racial concreta, ben por unha modificación de conducta por carecer de educación (entendida esta como proceso de socialización) ou por ser esta inadecuada, ou ben polas condicións ambientais ás que son sometidos por parte dos seus

propietarios, criadores e posuidores, estes últimos como responsables finais das accións dos animais baixo a súa custodia.

Este decreto pretende regulariza-la tenza e adestramento dos animais potencialmente perigosos, intentando facer compatible a seguridade e integridade física dos cidadáns con respecto ó uso e desfrute da tenza destes animais.

Regúlase nesta disposición, no seu capítulo I, o seu obxecto, procedéndose a continuación a definir e clarificar conceptos presentes ó longo do articulado e dedicando o último artigo deste capítulo á licencia municipal. O capítulo II, refírese ós rexistros, así e dun xeito meramente indicativo, sinálase a obriga de inscrición dos animais obxecto desta disposición no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos, créanse os rexistros galegos de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos, con dúas seccións, e o de Adestradores Caninos. As obrigas dos propietarios, tedores e veterinarios, xunto coas comunicacións ó rexistro, reflíctense no capítulo III. No capítulo IV regúlase o adestramento, en concreto, a existencia do certificado de capacitación para poder realiza-la dita actividade, os centros de adestramento e a homologación de centros dedicados ó ensino para o adestramento. Os capítulos V e VI conteñen un único artigo, nos que se regula a situación

dos animais potencialmente perigosos abandonados ou vagabundos e a posibilidade da súa esterilización. Finalmente, as infraccións e sancións prevense no capítulo VII cunha mera remisión ás disposicións legais aplicables ó respecto.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. É obxecto deste decreto o desenvolvemento da Lei estatal 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos, que regula a normativa aplicable á tenza de animais potencialmente perigosos e as accións e medidas necesarias co fin de garanti-la súa compatibilidade coa seguridade de persoas e bens e doutros animais, así como o desenvolvemento das previsións sobre tenza e posesión de animais perigosos contidas na Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, e no Decreto 153/1998, do 2 de abril, que a desenvolve.

2. Este decreto non será de aplicación ós cans e animais pertencentes ás forzas armadas, forzas e corpos de seguridade do estado, corpo de policía

da comunidade autónoma, policía local e empresas de seguridade con autorización oficial.

3. Este decreto aplicarase sen prexuízo do establecido na lexislación vixente en materia de especies protexidas, de protección animal, de sanidade animal e de transporte de animais.

Artigo 2º.-Definicións.

1. Para os efectos deste decreto, enténdese por:

-Animais potencialmente perigosos: considéranse animais potencialmente perigosos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia todos aqueles que pertencendo á fauna autóctona ou alóctona, independentemente da súa condición, natureza, especie ou raza á que pertencen, e convivindo no contorno humano como animais domésticos ou de compañía, sexan susceptibles de ocasiona-la morte, ou lesións ás persoas ou a outros animais, ou de producir danos de certa entidade ás cousas.

-Animal de compañía: animais domésticos das especies canina e felina (Canis familiaris e Felis catus, respectivamente), así coma os animais de especies que se críen, xeralmente no propio fogar, co obxecto de optar á súa compaña.

-Marcaxe: acto cirúrxico que consiste en implantar ou asignar a un animal un código de identificación individual que o permita diferenciar doutro animal.

-Identificación: dotar un animal dunha marca que o permita recoñecer e proba-la súa identidade.

-Identificación definitiva: dotar un animal dunha marca indeleble, fiable, estandarizada, duradeira e practicamente inviolable, que permita recoñecer e proba-la súa identidade.

-Sistema de identificación: medio que se utiliza para a marcaxe dun animal para os efectos de poder recoñecelo e proba-la súa identidade.

-Microchip ou transponder: cápsula portadora dun dispositivo electrónico que contén un código alfanumérico identificativo susceptible de ser lido mediante un equipo lector específico.

2. Entenderase por cans potencialmente perigosos aqueles nos que concorran calquera das condicións seguintes:

a) Cans que tiveran algún episodio de agresións a persoas ou ataques de certa entidade a animais ou ás cousas.

b) Cans que foran adestrados para a garda e defensa.

c) Cans que polas súas características raciais puidesen ser aptos para o adestramento, para a garda e defensa e en concreto os pertencentes ás razas seguintes: American Stafforshire Terrier, Pit Bull Terrier, Bullmastif, Dobermann, Dogo Arxentino, Dogo de Burdeos, Dogo do Tíbet, Fila Brasileiro, Mastín Napolitano, Presa Canario, Presa Mallorquín (Ca de Bou), Rottweiler, Staffordshire Bull Terrier, Tosa Inu e Akita Inu. Tamén serán considerados

neste apartado os cruces en primeira xeración destes, cruces destas razas entre sí ou cruces destes con outras razas, obtendo unha tipoloxía similar a algunha das razas anteriormente descritas.

d) Cans que manifesten unha marcada agresividade natural ou inducida mediante adestramento, malos tratos ou calquera outro medio. A dita agresividade será apreciada pola autoridade competente, de oficio ou logo de notificación ou denuncia e logo de informe dun adestrador ou veterinario designado para o efecto.

Artigo 3º.-Licencia.

1. A tenza dos animais referidos no artigo anterior requirirá a obtención previa dunha licencia administrativa outorgada polo concello correspondente, nos termos previstos no artigo 3 da Lei 50/1999, do 23 de decembro.

2. Esta licencia deberá ser renovada cada cinco anos, coa finalidade de comprobar que o interesado segue a cumpri-los requisitos que se lle esixiron para a súa obtención.

3. Os donos dos animais potencialmente perigosos subscribirán un seguro de responsabilidade civil cunha cobertura mínima de cento vintecinco mil euros (125.000 euros), que se renovará anualmente, pola súa responsabilidade derivada dos danos que o animal poida causar a terceiros, aínda que o animal fose cedido a outra persoa para o seu coidado. A constitución do citado seguro será requisito indispensable e previo para a identificación dos animais e inscrición no rexistro.

4. A obtención da licencia para a tenza de animais salvaxes en catividade, considerados como potencialmente perigosos, requirirá, ademais dos requisitos especificados no artigo 3 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, a presentación dunha memoria descritiva das instalacións e das medidas de seguridade utilizadas para impedi-la fuxida dos animais. A dita memoria deberá estar subscrita por veterinarios, biólogos ou outros facultativos superiores ou medios nos que nos seus plans de estudios quede acreditado o coñecemento ou estudio de etoloxía animal.

Capítulo II

Dos rexistros

Artigo 4º.- Rexistro municipal.

1. Os titulares da licencia municipal deberán inscribirse no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos, que se establece con esta finalidade en tódolos concellos, no prazo de 15 días contados a partir da obtención da licencia.

2. Este rexistro contará, polo menos, cos seguintes datos:

-Datos persoais do posuidor: nome, enderezo habitual, documento nacional de identidade e teléfono de contacto.

-Características do animal que fagan posible a súa identificación: idade, especie, raza, características externas e número do microchip.

-Lugar habitual de residencia do animal.

-Función/aptitude do animal (compañía ou garda, defensa, caza).

3. Os concellos remitirán os datos do rexistro municipal ó Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos, no prazo máximo de 15 días, contados desde o momento da inscrición dun animal potencialmente perigoso.

Artigo 5º.-Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e de Animais Potencialmente Perigosos.

1. Créase o Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e de Animais Potencialmente Perigosos, dependente da Consellería de Medio Ambiente.

2. O rexistro, informatizado, estará constituído por dúas seccións, a sección de Rexistro de Identificación de Animais de Compañía, na que se incluirán tódolos cans e a sección de Rexistro de Identificación de Animais Potencialmente Perigosos, no que se incluirán os cans potencialmente perigosos, os animais salvaxes en catividade considerados potencialmente perigosos, así como aqueloutros que a Consellería de Medio Ambiente poida determinar no futuro en atención ás circunstancias e coñecementos sobrevidos.

3. Este rexistro poderá ser consultado por tódalas administracións públicas e autoridades competentes, así como por aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten ter interese lexítimo no coñecemento dos datos que constan nel. En todo caso, o uso e tratamento dos datos contidos no rexistro será acorde co disposto na Lei orgánica 15/1999, de protección de datos persoais.

4. Os propietarios dos animais serán os responsables de identifica-los animais e de sufraga-los gastos que isto ocasione, independentemente do lugar de residencia das ditas persoas. A identificación definitiva suporá un requisito previo e obrigatorio para realizar calquera transacción do animal.

5. Neste rexistro constará a seguinte información de carácter obrigatorio:

-Código identificador do animal.

-Zona de aplicación.

-Especie.

-Raza. En cruzamento de primeira xeración especificaranse as razas de procedencia.

-Sexo.

-Descrición da capa.

-Data do nacemento do animal.

-Enderezo habitual do animal.

-Outros signos identificatorios non definitivos (tales como unha tatuaxe ou un número de chapa se o animal foi censado nun censo municipal anteriormente).

-Especificación de se o animal está destinado a convivir cos seres humanos ou se finalidades distintas como a garda, defensa ou outra que se indique.

-Nome e apelidos do propietario do animal.

-Enderezo do propietario do animal.

-Teléfonos de contacto do propietario do animal.

-DNI do propietario do animal.

-Nome, enderezo, número de colexiado e número de veterinario colaborador que realiza a marcaxe.

-Data na que se realiza a implantación da identificación e a entrega do documento ó propietario.

-Data de alta no rexistro.

6. Na Sección de Identificación de Animais Potencialmente Perigosos constará, ademais, a seguinte información:

-Certificado sanitario, expedido por un veterinario, que acredite con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou síntomas que o poidan facer potencialmente perigoso, así como unha certificación de que o animal carece de lesións ou cicatrices que puideran estar relacionadas coa utilización do animal en pelexas ou outras actividades prohibidas.

-Cartilla sanitaria actualizada nos tratamentos preceptivos e preventivos propios da especie e idade. Na cartilla sanitaria figurará a catalogación de animal potencialmente perigoso.

-Copia da licencia municipal de tenza de animais potencialmente perigosos, a nome do propietario. Acompañarase de copia da póliza que xustifique ter formalizado o seguro de responsabilidade civil.

-Datos do centro de adestramento, de se-lo caso.

-Incidentes de agresións, de se-lo caso.

Artigo 6º.-Rexistro Galego de Adestradores Caninos.

1. Créase o Rexistro Galego de Adestradores Caninos, dependente da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e no que se inscribirán todas aquelas persoas que estean en posesión do certificado de capacitación habilitante para o adestramento.

2. As solicitudes de inscrición neste rexistro presentaranse, conforme o modelo do anexo I, nas delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente ou en calquera dos órganos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e acompañaranse da seguinte documentación acreditativa:

-Copia autenticada do certificado de capacitación para o adestramento.

-Fotocopia autenticada do DNI.

-Número ou código de identificación fiscal.

-Enderezo e teléfono, para os efectos de notificacións.

3. Estas solicitudes resolveraas o director xeral de Conservación da Natureza no prazo máximo de tres meses; de non recaer resolución no dito prazo entenderanse estimadas.

4. Os adestradores están obrigados a comunicar, conforme o modelo do anexo II, todas aquelas circunstancias que poidan afecta-los datos que figuran no rexistro, no prazo de 3 meses desde que estas se produzan.

5. Producirase a cancelación da inscrición no rexistro por petición do propio adestrador, conforme o modelo do anexo III, ou por incumprimento das obrigas establecidas neste decreto, na Lei 50/1999, do 23 de decembro, ou na Lei 1/1993, do 13 de abril e demais disposicións que as desenvolven.

Capítulo III

Das obrigas dos propietarios, tedores e veterinarios

Artigo 7º.-Comunicacións ó Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos.

1. Os veterinarios que prestaran asistencia sanitaria a un animal sospeitoso de ser utilizado en pelexas, ou que observaran que o animal presenta cicatrices ou lesións relacionadas con esta práctica ou outras actividades prohibidas, deberán poñerse en contacto inmediatamente co Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos, achegando os datos correspondentes do animal e do seu propietario.

2. Os incidentes producidos por animais potencialmente perigosos ó longo da súa vida, coñecidos polas autoridades administrativas ou xudiciais (fundamentalmente centros de saúde, hospitais, centros públicos e comisarías) faranse constar na folla rexistral de cada animal, que se cancelará coa súa morte, certificada polo veterinario ou autoridade competente.

3. Os propietarios de animais potencialmente perigosos deberán comunicar ó rexistro a realización da castración ou esterilización do animal, se esta se producise, para o que remitirán copia da certificación veterinaria correspondente que acredite este feito.

4. O traslado dun animal potencialmente perigoso doutra Comunidade Autónoma á Comunidade Autónoma de Galicia, sexa con carácter permanente ou por período superior a tres meses, obrigará o seu propietario a efectua-la inscrición oportuna no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos.

5. As autoridades responsables do rexistro notificarán de inmediato ás autoridades administrativas ou xudiciais competentes calquera incidencia que conste no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos para a súa valoración e, de se-lo caso, adopción de medidas cautelares e preventivas.

6. O propietario dun animal potencialmente perigoso deberá comunicar, conforme o modelo do anexo IV, calquera variación dos datos do rexistro, no prazo de 15 días desde que se producise a modificación que proceda rexistrar, excepto nos incidentes de agresión, nos que a comunicación será inmediata.

7. As autoridades sanitarias e os veterinarios que coñezan a existencia dunha mordedura ou agresión provocada por un animal potencialmente perigoso comunicaranllo ó Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos.

Artigo 8º.-Obriga de identificación.

1. Os propietarios, criadores ou tedores dos animais ós que se refire este decreto terán a obriga de identifica-los animais cun microchip nos seus tres primeiros meses de vida ou nun mes despois da súa adquisición.

2. A identificación dos animais da especie canina, coa debida garantía, é obrigatoria sen excepcións.

3. Os posuidores dos animais obxecto deste decreto estarán obrigados a achega-la documentación acreditativa da obtención da licencia e a información prevista no parágrafo 6 do artigo 5º deste decreto ó veterinario actuante, para a súa inscrición neste rexistro.

Artigo 9º.-Sistema de identificación.

1. A identificación consistirá na implantación dun microchip ou transponder portador dun código alfanumérico de número de díxitos tal que sexa único para cada animal.

2. A marcaxe dos animais realizarase obrigatoriamente por un transponder que se adapte ó establecido no punto 3 deste artigo.

3. Os transponders deberán reuni-las seguintes características:

a) Deberán estar programados cun código alfanumérico único que en ningún caso poida ser susceptible de ser modificado.

b) A estructura do código alfanumérico que incorporen deberá cumprir co establecido na norma ISO 11.784.

c) O sistema de intercambio de enerxía entre o dispositivo e o lector deberá cumprir co establecido na norma ISO 11.785.

d) O tamaño será inferior a 12 milímetros de longo e 2,5 milímetros de ancho.

e) Estarán dotados dun sistema antimigratorio e o seu recubrimento deberá ser biocompatible.

f) Presentaranse individual e convenientemente esterilizados en envase que conteña a agulla e o inxector, e incluirá un mínimo de tres etiquetas co código de barras que conteña o código alfanumérico.

Artigo 10º.-Procedemento de identificación.

1. A implantación no animal do código establecido será efectuada por un veterinario, nomeado para o efecto pola Consellería de Medio Ambiente. Os veterinarios non oficiais que desexen participar no proceso de identificación de animais de compañía da Comunidade Autónoma galega deberán solicitalo, conforme o modelo do anexo V, á Dirección Xeral de Conservación da Natureza acreditando que cumpren, polo menos, os seguintes requisitos:

a) Que están inscritos no Colexio Oficial de Veterinarios.

b) Que estean dados de alta para o exercicio libre da profesión.

c) Que posúan un lector de transponders compatible con tódalas tecnoloxías e polo tanto capaz de permiti-la lectura de tódolos sistemas homologados.

2. Se a documentación é correcta, o director xeral de Conservación da Natureza resolverá nun prazo máximo de tres meses. De non recaer resolución no dito prazo, entenderase estimada a solicitude.

O recoñecemento como veterinario actuante renovarase ós cinco anos da súa obtención.

A perda desta condición terá lugar por renuncia voluntaria ou por incumprimento das obrigas establecidas nesta disposición, ou no resto das disposicións da lexislación vixente sobre protección animal en Galicia, logo de expediente no que se dará audiencia ó interesado e que resolverá o director xeral de Conservación da Natureza.

3. No momento da identificación do animal, o veterinario actuante cubrirá un impreso oficial de identificación, por triplicado exemplar, achegado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, no que constará a información esixida nos parágrafos 5º e 6º do artigo 5º deste decreto. O propietario do animal identificado deberá recibir do veterinario actuante un exemplar do impreso oficial no que figurará necesariamente o código asignado e implantado no animal. O veterinario actuante conservará no seu poder outro exemplar do impreso. O terceiro exemplar deberá ser remitido polo veterinario ó Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos nun prazo máximo de 15 días despois de efectua-la identificación.

4. O animal deberá ser identificado en presencia do seu propietario, figurando os seus datos e a súa sinatura no impreso oficial de identificación. Os responsables do rexistro, despois de recibi-la documentación remitida polo veterinario, procederán a

procesa-los datos e enviarán ó propietario do animal o documento acreditativo da identificación.

Artigo 11º.-Obrigas dos posuidores en materia hixiénico-sanitaria.

1.Os propietarios, criadores ou tedores deberán mante-los animais que estean baixo a súa custodia en axeitadas condicións hixiénico-sanitarias e cos coidados e atencións necesarios de acordo coas necesidades fisiolóxicas e características propias da especie ou raza do animal, en cumprimento da Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, e do Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril, en concreto nos seus capítulos IV, VII e X.

2. O propietario, tedor ou criador dun animal que agreda a persoas ou a outros animais causándolles feridas de mordedura, será responsable de que o animal sexa sometido a recoñecemento dun veterinario en exercicio libre da profesión, en dúas ocasións dentro dos 15 días seguintes á agresión. Neste recoñecemento o veterinario responsable emitirá un certificado no que conste se o animal presenta ou non síntomas de enfermidade infectocontaxiosa.

Artigo 12º.-Obrigas dos posuidores en materia de seguridade cidadá.

1. Os propietarios, criadores ou tedores de animais potencialmente perigosos terán a obriga de cumprir tódalas normas de seguridade cidadá, establecidas na lexislación vixente e na lexislación sobre protección animal de Galicia, de xeito que garantan a óptima convivencia destes animais cos seres humanos e se eviten molestias á poboación.

2. As instalacións destinadas a albergar animais potencialmente perigosos pertencentes á fauna silvestre alóctona ou exótica precisarán cumpri-las medidas de seguridade que eviten a fuxida destes animais. Tódalas instalacións destinadas a albergar animais potencialmente perigosos deberán reunir como mínimo as seguintes medidas de seguridade:

a) As paredes e valados serán suficientemente altos e consistentes e deberán estar fixadas co fin de soporta-lo peso e a presión do animal, evitando as fuxidas.

b) As portas das instalacións deben ser resistentes, a estar deseñadas para evitar que os animais poidan abri-los mecanismos de seguridade, sen producirlles danos.

c) O recinto estará sinalizado coa advertencia de que se atopa no interior un animal potencialmente perigoso.

3. As instalacións nas que se alberguen animais potencialmente perigosos deberán reuni-las condicións establecidas na normativa sobre protección animal en Galicia, tendo en conta as especificacións técnicas correspondentes a cada especie.

4. Os concellos, no ámbito da súa competencia, poderán regula-las condicións en que se autorice a circulación e estadía dos animais potencialmente

perigosos en rúas, parques e vías públicas, podendo determinar, por razóns de seguridade e orde pública, as zonas en que se prohiba á súa estadía e circulación.

5. En todo caso, os cans obxecto desta regulación terán que circular, nas vías públicas e nos lugares e espacios de uso público en xeral, atados con cadea ou correa non extensible de lonxitude non superior a dous metros, provistos do correspondente buceiro homologado e axeitado para a súa raza, e en ningún caso poderán ser conducidos por un menor de dezaseis anos.

Artigo 13º.-Excepcións.

1. Cando as circunstancias así o aconsellen, poderanse establecer excepcións ó cumprimento de determinadas obrigas dos propietarios nos casos de:

a) Organismos públicos ou privados que utilicen estes animais cunha función social.

b) Explotacións agrarias que utilicen cans de garda, defensa e manexo de gando, así como actividades de carácter cinexético.

c) Probas de traballo e deportivas con fins á selección dos exemplares que participan nelas e que están autorizadas e supervisadas pola autoridade competente, con exclusión dos exercicios para pelexas e ataque, segundo o disposto neste decreto.

2. O director xeral de Conservación da Natureza poderá establecer excepcións mediante resolución motivada, trala solicitude e xustificación do interesado e logo de informe dun adestrador ou veterinario, sempre que queda garantida a seguridade cidadá e o benestar animal.

Capítulo IV

Do adestramento

Artigo 14º.-Certificado de capacitación para o adestramento.

1. O adestramento para garda e defensa deberase efectuar por adestradores que estean en posesión dun certificado de capacitación expedido ou homologado pola Consellería de Medio Ambiente.

2. Os solicitantes presentarán a súa solicitude conforme o modelo que figura no anexo VI e deberán acreditar que reúnen, alomenos, os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade e non estar incapacitado física nin psiquicamente, o que se acreditará mediante certificado médico e psicolóxico.

b) Falta de antecedentes penais por delictos de homicidio, lesións, torturas, contra a liberdade, ou contra a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico, así como ausencia de sancións por infraccións en materia de protección animal ou en materia de tenza de animais potencialmente perigosos, o que se acreditará mediante o certificado negativo correspondente.

c) Ensino específico que comprenda, como mínimo, as materias incluídas no programa do anexo VII deste decreto, recibido en centros que se homologuen de conformidade co disposto no artigo 16º.

d) Antecedentes e experiencia acreditada durante un mínimo de 5 anos. Deberá achegarse o currículum vitae, que será valorado por persoal da Consellería de Medio Ambiente, que poderá contar co asesoramento de expertos.

e) Finalidade da tenza destes animais.

f) Dispoñibilidade de instalacións e aloxamentos axeitados desde o punto de vista hixiénico-sanitario, de protección animal e de seguridade cidadá, de se-lo caso, e que reúnan as condicións sinaladas no artigo 15º.

g) Compromiso de cumprimento de normas de manexo e de comunicación de datos.

3. Tralo exame da documentación acreditativa dos requisitos e, de se-lo caso, emenda, os solicitantes deberán someterse a unha proba que será avaliada por unha comisión nomeada para os efectos polo director xeral de Conservación da Natureza. A proba versará sobre os contidos do programa que figura no anexo VII e terá por obxecto comproba-los coñecementos teóricos e prácticos dos solicitantes. A súa superación será requisito previo e indispensable para a expedición do certificado de capacitación.

4. Consonte o resultado das probas o director xeral de Conservación da Natureza expedirá o certificado de capacitación para o adestramento.

5. Os adestradores en posesión do certificado de capacitación deberán comunicar trimestralmente ó Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Peligrosos a relación nominal de clientes que fixeron adestrar un animal potencialmente perigoso, con determinación da identificación deste, debendo anotarse esta circunstancia no rexistro, na folla rexistral correspondente ó animal e indicando o tipo de adestramento recibido.

Artigo 15º.-Centros de adestramento.

1. Os centros de adestramento deberán estar rexistrados no Rexistro de Establecementos, segundo o artigo 33 do Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

2. Os establecementos nos que se realicen tarefas de adestramento de animais deberán colocar, nun lugar visible da entrada, unha placa dun tamaño mínimo de 30x20 cm, na que conste o nome e o número de inscrición do adestrador no Rexistro Galego de Adestradores Caninos e o número de inscrición do establecemento no Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade.

3. Os establecementos rexistrados no Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia dedicados ó adestramento

deberán anotar no libro de rexistro os seguintes datos dos criadores, adquirentes ou propietarios:

-Nome, apelidos ou razón social.

-NIF ou CIF.

-Enderezo e teléfono de contacto.

-Número de rexistro do establecemento de orixe do animal (se procede dun criadeiro).

-Raza, idade e sexo do animal.

-Código de identificación dos animais (microchip ou tatuaxe).

-Número de licencia municipal dos posuidores.

Artigo 16º.-Homologación de centros dedicados ó ensino para o adestramento.

1. A homologación oficial de centros dedicados ó ensino para o adestramento de animais potencialmente perigosos levarase a cabo en función dos currículum vitae dos profesores do centro, en función do temario teórico e práctico impartido que terá o contido mínimo do programa que figura no anexo VII e en función das instalacións dispoñibles para o adestramento, que deberán estar rexistradas no Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia, segundo o especificado no Decreto 153/1998, do 2 de abril.

2. Os centros que desexen ser homologados deberán presentar unha solicitude, conforme o modelo do anexo VIII, dirixida ó conselleiro de Medio Ambiente, para os efectos da súa aprobación, coa documentación sinalada no parágrafo anterior.

3. Para os efectos previstos no parágrafo anterior, de non recaer resolución nun prazo de seis meses desde a formulación da solicitude, esta entenderase estimada, conforme o disposto no artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo V

Dos cans abandonados ou vagabundos

Artigo 17º.-Cans potencialmente perigosos abandonados ou vagabundos.

1. Corresponde ás administracións locais a recollida de animais abandonados ou vagabundos nos seus respectivos termos municipais, conforme o establecido no artigo 11.1º da Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade e no artigo 54 do Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril.

2. Os animais serán recollidos e albergados en centros de recollida de animais vagabundos ou abandonados que estean inscritos no Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia e que cumpran coas especificacións descritas na Lei 1/1993, do 13 de abril, e no Decreto 153/1998, do 2 de abril. As instalacións

destinadas a albergar cans potencialmente perigosos deberán reuni-las medidas de seguridade necesarias para evita-las fuxidas sen producir danos ós animais.

3. Os prazos de estadía previstos serán os que se dan para tódolos individuos da especie canina e que veñen reflectidos nos artigos 53, 57 e 58 do Decreto 153/1998, do 2 de abril.

4. Estes animais poderán ser cedidos en adopción sempre e cando superen as probas de socialización que demostren que o animal non é perigoso para a seguridades das persoas, para outros animais e que non van producir danos ás cousas, sen prexuízo do cumprimento das obrigas contidas neste decreto.

Capítulo VI

Da esterilización

Artigo 18º.-Esterilización

1. Consonte o establecido na Lei 50/1999, do 23 de decembro, a esterilización dos animais potencialmente perigosos, amais de poderse facer por vontade dos seus propietarios, realizarase obrigatoriamente por mandato xudicial ou resolución administrativa nos supostos de reiteradas agresións ás persoas ou danos a outros animais ou ás cousas.

2. Corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Medio Ambiente a facultade de acorda-la esterilización, no suposto de reiteradas agresións ás persoas ou danos a outros animais ou ás cousas, logo do procedemento contradictorio iniciado de oficio ou por solictude de persoa interesada, no que será preciso que conste informe médico (no caso de agresións a persoas) ou informe veterinario (no caso de agresións ós animais) e a audiencia ó propietario do animal. Dictada resolución, procederase á esterilización polo veterinario designado para o efecto, que deberá comunica-la ós rexistros municipal e autonómico, para a inscrición do acto cirúrxico na folla de identificación. Os gastos xerados correrán por conta do propietario.

3. A esterilización realizarase aplicándolle anestesia ó animal coa finalidade de garantir que non se lle cause dor ou sufrimento innecesario.

Capítulo VII

Das infraccións e sancións

Artigo 19º.-Infraccións e sancións.

En materia de infraccións e sancións rexerá o disposto na Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos e na Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

Artigo 20º.-Procedemento sancionador.

1. O procedemento sancionador axustarase ós principios da potestade sancionadora regulados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como no Real decre

to 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. A instrucción dos expedientes sancionadores por infraccións á regulación establecida neste decreto corresponderá ós órganos que teñan atribuída a competencia consonte o establecido no artigo 69 do Decreto 153/1998, do 2 de abril.

3. Os órganos competentes para sancionar, de acordo cos artigos 24.2º da Lei 1/1993, do 13 de abril, serán:

a) Por infraccións leves, o alcalde do concello onde se produza a infracción.

b) Por infraccións graves, o director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente.

c) Por infraccións moi graves, o conselleiro de Medio Ambiente.

4. Cando as circunstancias de perigo así o aconsellen, a Administración local ou autonómica poderán proceder á retirada ou custodia dun animal potencialmente perigoso, a cargo do propietario, como medida de carácter provisional durante a tramitacion do procedemento sancionador.

Disposicións transitorias

Primeira.-Tódalas instalacións dedicadas a albergar animais potencialmente perigosos deberán cumprir coas obrigas e previsións contidas nos artigos 11º e 12º deste decreto no prazo dun ano, contado desde a súa entrada en vigor.

Segunda.-Os titulares ou posuidores de animais obxecto de regulación neste decreto deberán proceder á súa identificación con microchip no prazo dun ano a partir da súa entrada en vigor.

Terceira.-Mentres non se proceda á homologación de centros dedicados ó ensino para o adestramento, non será esixible para a obtención do certificado de capacitación o requisito que se establece na letra c) do parágrafo 2 do artigo 14º deste decreto.

Cuarta.-Unha vez que sexan homologados os centros dedicados ó ensino para o adestramento, os solicitantes do certificado de capacitación para o adestramento non terán que acredita-lo requisito previsto na letra d) parágrafo 2 do artigo 14º deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta disposición aplicarase sen prexuízo das competencias das corporacións locais sobre a materia e do establecido na lexislación vixente sobre especies protexidas e protección de datos.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós tres meses seguintes ó día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2002.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA